Sunday, November 01, 2009

DÍA DA BENEMÉRITA: OREMOS TODOS Á NOSA VIRXE DO PILAR


Cada 12 de Outubro érgome da cama cun desexo que me late no peito como se de amor se tratase. E é que celebrase o Día da Hispanidade, sen ningunha dúbida, o máis anhelado de todo o ano. Como se a comulgar fora, ando a présa por se non chego a tempo para poñerlle flores á Virxe do Pilar; e é que como cadra en ponte (desas pontes tan longas que algúns/has dan en chamar “acueduto”), acostumo a ir de viaxe coa familia a Zaragoza, que a falta de mar ten río e tivo Expo; a falta de carballos, trigais e en vez de fragas, zonas medio desérticas. Pero é a España Ibérica e polo tanto o seu valor é incalculable. Qué desazón me entra no miocardio no mesmo intre no que piso as terras de Machado, porque claro, para sentir máis o aire de Castela, atravesámola Meseta de oeste a leste, todiña enteira. Qué chulada desgaleguizarse desta maneira tan inverosímil, e é que a brisa de Castela non ten nada que envexar á da ría de Arousa, nin á de Noia e moito menos a Finisterre. Seguindo o curso do Douro en primeiro lugar e logo o do Ebro namorome das encinas castellanas perdidamente. Unha vez pisada a capital de Aragón, acostumo catar algún viño bo daquelas terras, pero con moderación, que logo hai que collelo coche. Logo deixome levar pola jota aragonesa e bótolle un baile, isto todo o día once, porque nestas viaxes de “cruzada” ten que ir unha con tempo. Unha vez chegado o feliz día, o propio 12 de Outubro, incrépanme uns policías nacionais porque disque non levo o “DNI de España”, que levo conmigo seica un dunha terra remota denominada Galiza. E entón cando lle replico eu con cara perplexa; pero logo Galiza non pertence a España? Iso poñía no meu libro de Historia, debironme ter enganada todos estes anos e eu sen decatarme. Vaia xogarreta!; Galiza independente e eu pensando durante este tempo que era unha terra asoballada dende os Reis Católicos, que nos despreciaba e se ría de nós o Estado “opresor” español. O que descobre a nena cando medra non hai ouro que o pague.

0 comments: