Sunday, May 07, 2006


António Mosqueira Paços é um rapaz vizinho de Bugalhido e aluno do I.E.S de Ames.


10 MARZO DE 1972 -FOLGA DOS OBREIROS DE BAZÁN EN FERROL

Ben,eu vou a falar de mortos.Mellor dito,de asasinados por terroristas,e non son precisamente socios da AVT,nin se lles recorda nos aniversarios pola televisión nin están na memoria de moitos,menos aínda no das institucións,porque son mortos esquecidos,que por sorte,aínda viven nas memorias duns poucos.

O
10 de marzo celébrase en Galiza, como todos sabemos, o día da clase obreira galega,en base aos feitos ocorridos na folga dos traballadores dos astilleiros de Bazán,co motivo da negociación do convenio colectivo da Empresa Nacional Bazán de Construccións Navais Militares,na praza de España de Ferrol (daquela El Ferrol del Caudillo).As causas desta manifestación foron as seguintes:

Os traballadores levaban xa varios meses loitando por lograr unhas melloras salariais,unha reducción da xornada laboral a 42 horas semanais e o dereito a un mes de vacacións,a un 100% do salario no caso de enfermidade ou accidente e a xubilación aos 60 anos cun 100% do salario real,a readmisión dos traballadores despedidos por motivos políticos e un local de reunión.


Todo comezou o
7 de marzo do 1972.Comunicábase ao xurado da Empresa Nacional Bazán de Construccións Navais Militares o asinamento do convenio colectivo interprovincial en Madrid cando os traballadores de Bazán reclamaban a súa negociación na Galiza.

O
día 9 o paro na fábrica era total desde as 8 da mañá e os traballadores estaban concentrados na explanada fronte á dirección. A empresa anunciou a suspensión de emprego e soldo e a prohibición de entraren nas instalacións aos vocais xurados Manuel Amor, José María Riobó e aos enlaces Ramiro Romero, Manuel Montero, Alfonso Couce e Miguel Rei.Os traballadores deciden en asemblea ocupar a factoría e ás 17,15 horas a policía entra por primeira vez en Bazán e carga contra os traballadores desaloxándoos. Cando saen en carreira pola porta, que era moi estreita, son recibidos por máis policía que os rodea e volve mallar neles. Prodúcense numerosos feridos por golpes e esmagamentos. Os traballadores saíron polas rúas de Ferrol coas fundas e roupas de traballo e enfrontáronse á policía, a pedradas, en diferentes saltos e cortes de tráfico.

10 de marzo do 1972. Ás 7,30 horas os traballadores concéntranse ante Bazán.Tras toparse os máis de 4.000 obreiros as portas da factoría de Bazán pechadas,estes dirixíronse pacificamente en manifestación cara o centro da cidade de Ferrol,cara a Praza de España,co pretexto de buscar a solidariedade do resto da cidade e explicar o que estaba acontecendo na factoría ao resto da poboación.A asemblea en grupo de 4.000 obreiros dirixiuse entón cara á Ponte das Pías,e ao chegaren ao cruce coa estrada de Castela foron detidos por unha compañía da Policía Armada.Os traballadores armados quizais con algún pao ou pedra enfróntanse a eles uns dez minutos.Caen ao chan varios homes,e dous corpos sen vida.O resultado da confrontación son varios feridos de bala e dous mortos,Daniel Niebla e Amador Rey.Perderon a súa vida por defender os seus dereitos,por intentar mellorar a súa vida e a dos seus compañeiros,e non ían armados con metralletas,nin os restante dos 40 feridos de bala que engrosan a lista. A dignidade e a valentía dos traballadores fixo que non recuasen en ningún momento; só retrocederon os seus verdugos, que montando nos seus buses deron en fuxir.

Curiosamente, ningún dos familiares dos feridos nin dos mortos nesa folga pertencen á asociación de Víctimas del Terrorismo,quizais por iso caen no olvido das institucións ‘’democráticas’’,e da xustiza.Pero Daniel e Amador foron olvidados pola ‘’democracia’’,mais non o foron polo pobo,e perviven na memoria duns poucos.Pero mentres as rúas e prazas e avenidas de España seguen levando nomes como Xeneral Franco ou Primo de Rivera...mentres nas cárceres do Estado presos son ‘’suicidados’’ ...nos traballos obreiros asasinados por carecer de medidas de seguridade...mentres na Audiencia Nacional se xulgan ideas políticas...mentres mulleres son víctimas da mala educación dada polo Estado...namentres se fan reformas laborais que perxudican aos obreiros e se subvencionan organizacións franquistas como a propia AVT ou a Fundación Francisco Franco...mentres todo iso ocorre no Estado Español,¿que se pode esperar da ausente democracia española referente á memoria histórica?


Nos días posteriores aos sucesos,a solidariedade entre os obreiros difundiuse por toda Galiza,estendéndose os paros a outras factorías e a poboación respondeu dando mostras de apoio ás familias dos represaliados.


Así,
o día 11, pararon Vulcano, Citroën, Barreras e Censa dúas horas. Organizáronse colectas nas fábricas, malia a represión e ameazas por parte dos mandos intermedios (en Citroën púxose un porteiro en cada portal de entrada das naves para non permitir entrar a ningún traballador que non levase asinado un pase polo contramestre; négase o paso aos obreiros máis “problemáticos” a outras naves da factoría).

O día 13
seguen os paros en Citroën, Freire, Refrey, Reyman, Barreras, Censa, Ascón (Rios). Nalgunhas a folga é dunhas horas e noutras de toda a xornada. En Vulcano hai peche patronal a todo o persoal de Factorías Vulcano fóronlle pechadas as portas da empresa o luns día 13. Ese mesmo día formáronse na porta piquetes que percorreron todos os estaleiros da cidade solicitando a solidariedade.

Tamén en Vigo se viviu un conflicto sociolaboral de grandes dimensións.As reivindicacións obreiras, que comezaran ó amparo da renovación dos convenios colectivos no ano 1971, culminaron, despois dun proceso de crecente conflictividade laboral que se agudizará despois dos acontecementos de Ferrol, coa folga xeral sostida durante quince días en
setembro de 1972. As demandas eran as mesmas que en Ferrol: reducción da xornada laboral, readmisión dos despedidos...; poren como antes en Ferrol, a intransixencia dos empresarios e a represión exercida sobre os líderes sindicais saldouse co despido de cerca de 400 traballadores pertencentes ás principais empresas de Vigo: Citroën, Vulcano, Barreras, Censa, Álvarez..., entre os que se atopaban obreiros que pertencían ó colectivo Galicia Socialista.

Finalmente o 21 de marzo,as portas da factoría Bazán abríronse,e os obreiros tiveron que traballar baixo vixilancia policial,e coa ausencia de 160 compañeiros despedidos máis 45 detidos.

Pódese afirmar que no marzo ferrolán e no setembro vigués do 1972 produciuse a máis importante mobilización obreira da época franquista en Galiza. É precisamente neste período cando comeza a xestarse o sindicalismo de dirección galega que, dous anos máis tarde, tomaría forma organizada na constitución do Sindicato Obreiro Galego (SOG).


O acontecido en Vigo e Ferrol (Ferrol e Vigo son os núcleos principais onde se focaliza o desenvolvemento industrial. Ferrol, construcción naval; Vigo, industria do automóbil e auxiliares, que veñen reforzar a tradicional industrial do naval) situaba a estas dúas cidades na vangarda das loitas laborais na España dos anos finais do franquismo, sintonizaba co que estaba acontecendo a un nivel internacional: o fortalecemento das forzas progresistas e o aumento da conflictividade social. Así están as mobilizacións dos anos sesenta y setenta dos metalúrxicos italianos, os obreiros franceses, os metalúrxicos e mineiros alemáns, os mineiros británicos e en xeral, o aumento dos conflictos sociolaborais na maioría dos países occidentais.


Isto foi o que pasou o
10 de marzo,día da clase traballadora galega,resumidamente.A fin de contas,eu non sei o que celebran,se o aniversario da morte dos traballadores ou a celebración dunha maior submisión cada vez,pois a clase traballadora galega existe dende hai moito tempo.Eu doulle todo o meu respeito a aqueles obreiros de Bazán que lle deron un bo susto ao franquismo,á dictadura,a Franco,en pleno centro do Ferrol do Caudillo.Custou vidas e feridas e sufrimento en moita xente,saberao mellor que ninguén as propias víctimas,as familias dos propios implicados.Imaxino o medo vivido no momento e comprendo perfectamente que se calmasen os suburbios.Todo o mundo aprecia a súa vida e para poder vivir,había que traballar.Mais preguntome que houbese pasado,se os ánimos non se viñeran abaixo,se os berros fosen cada vez máis fortes,as pedradas mais numerosas,e os obreiros,cada vez máis.Preguntome se matarían a un cento.É probable.Eles fixeron todo o que puideron,mesmo sacrificando dous compañeiros.Quizais moitos deles pensen que foi algo inútil,algo que cobrou máis do que deu.Eu diríalles que ningún acto de resistencia é inútil.E que non todo o mundo esquece ás verdadeiras víctimas.Para min,non son mortos esquecidos...

Feitos históricos previos a 1972

1940-Comeza a súa actividade a guerrilla galega contra Franco.

1943-Fundación de FENOSA.

1944-Constitución do Consello de Galiza en Montevideo (Goberno de Galiza no exilio).

1944-Castelao publica o Sempre en Galiza.

1946-Morte do guerrilleiro Manuel Ponte. Publícase o número 1 de El Guerrillero.

1947-Otero Pedrayo emprega o galego nun acto público en homenaxe a Lamas Carvajal.Folga en Astano e na Bazán, neste caso polo tema do aceite.

1950-Fundación da editorial "Galaxia", que publicará libros en galego.Daniel Castelao morre no exilio en Bos Aires.1951

Execución do guerrilleiro Benigno Andrade "Foucellas".

1954-Morte do guerrilleiro "Pancho" perto de Pontedeume.

1956-Primeiro Congreso da Emigración Galega en Bos Aires.

1958-Instalación da empresa 'Celulosas de Pontevedra'.Nacemento en Madrid do grupo 'Brais Pinto'.

1959-Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires.Fundación da Asociación Cultural 'O Galo' en Santiago de Compostela.Primeiro número da revista 'Vieiros', editada pola emigración galega en México.

1960-Conflito en Álvarez, tema muller, participaron vellos militantes da CNT.

1961-Secuestro do 'Santa María', baixo a dirección de Pepe Velo á fronte dun comando galego-portugués.

1962-Protesta dos labregos de Mazaricos contra a concentración parcelaria.

1963-Constitución do 'Consello da Mocidade'.Nacemento de 'Edicións do Castro'.Fundación da Asociación Cultural 'O Facho', na Coruña.

1964-Fundación da Unión do Povo Galego (UPG), na Ponte da Rocha en Compostela.

1965-Fundación da Asociación Cultural de Vigo.Morte do guerrilleiro "O Piloto", a mans da Garda Civil.Fundación do Partido Socialista Galego (PSG).

1966-Nacen as Comisións Obreiras de Galiza. Conflicto dos aprendices na Bazán.

1967-Morte do guerrilleiro "O Curuxas". Conflicto na Pybse de Ferrol, despedimento de traballadoras, contan co apoio de Bazán. Teñen éxito.

1968-Mobilizacións estudantís en Compostela. Xogos florais do idioma galego en Bos Aires.Constitución do Partido Comunista de Galiza (PCG).

1969-Conflito na empresa Álvarez.

1971-Mobilizacións contra a cota empresarial agraria.Creación do Instituto da Lingua Galega (ILG).



(*)A fotografia corresponde a umha mobilizaçom da folga do metal em Vigo (Maio do 2006)

0 comments: